Beatriz Sotelo

Cociñeira

Nacida en 1981, conseguiu alzarse na edición 2008 da Feira Alimentaria co galardón que a recoñecía como gañadora do Concurso 'Cocinero del Año en España'. Un canelón de faisán e trufa con cogomelos de tempada salteadas; unha pescada de Celeiro con pil pil de limón e pementos verdes e unha sobremesa chamada 'crema de Albariño con améndoa e mazá' servíronlle daquela para se facer cun trofeo polo que competiron preto dun milleiro de  cociñeiros.

Nacida nunha pequena aldea a sete quilómetros da localidade pontevedresa de Marín, estudou alí o Bacharelato e o COU antes de se decantar pola Escola Superior de Hostalería de Pontevedra.

A súa é unha cociña avanzada aínda que de inconfundible raíz galega, que ten a súa orixe naquella aldea de Ardán que a viu medrar entre hortas e animais de granxa onde a vida se estruturaba arredor da cociña. Sempre había algo bulindo nas olas, pero ninguén na súa familia se dedicara antes a cociñar profesionalmente e tampouco ela semellaba que fora facelo ata que o fixo. Rematadas as prácticas da Escola entrou a traballar xunto a Marcelo Tejedor en Casa Marcelo no tempo no que este obtivo a súa propia estrela Michelin. Del aprendeu unha forma de entender a cociña que ninguén lle explicara antes. Tras unha tempada nos seus fogóns marchou para iniciar unha breve etapa itinerante en restaurantes de Alemaña e Francia antes de retornar a Galicia, asociándose con Juan Crujeiras para rexentar A Estación de Cambre, onde tamén acadaron unha estrela Michelin, ata que no ano 2017 deciden emprender camiños por separado.

A cociña de Beatriz baséase no máis sinxelo dos principios, o produto fresco e de calidade. Preferiblemente peixe, eses peixes que segundo van entrando no establecemento e lles vas vendo a cara vanche inspirando unha idea, unha receita, un prato. Quizais sexa ese o único segredo do seu éxito, o manter sempre como premisa que a inspiración nace da materia prima de calidade que o mercado pon cada día á súa disposición, sen buscar outro camiño cara á xenialidade que o traballo ben feito e a honestidade no prato.