Lucía Freitas

A cociñeira

Moi nova Lucía Freitas trasládase a Bilbao decidida a cursar os seus estudos de cociña da man dos mellores profesionais do País Vasco. 

Rematado o ciclo, e empeñada en continuar coa aprendizaxe, desprázase a Barcelona, onde da man de Jordi Butrón coñece os segredos da pastelaría de restauración. Despois formaría parte de cociñas de recoñecido prestixio como Celler Can Roca, O Bohío, Mugaritz e Tápies. 

Despois dunha estancia na cociña do restaurante Bens d`Avall (Mallorca), decide voltar á súa terra natal e facer realidade o seu soño: abrir o seu propio restaurante A Tafona. A paixón e o obxectivo de ofrecer unha cociña coidada, con identidade propia e co mellor produto son as súas armas de sedución.   

E a xulgar polo resultado, surtiron efecto: logo de seis anos, Lucía posicionou o seu restaurante como un dos máis destacados da cidade do Apóstolo, pola calidade dos seus produtos e pola creatividade e orixinalidade das súas propostas.