Pepe Vieira Camiño da Serpe

Menú

“Camiño da Serpe”

19.11.08

Catro pingas de país: foro de cultura e ciencia en Galicia

"Catro pingas de país: foro de cultura e ciencia en Galicia" é unha actividade de formación de profesores relativamente diferente das habituais que ten lugar no Pazo da Cultura da Cidade de Pontevedra. Non se deixa enmarcar en ámbitos, áreas ou asignaturas. É unha ocasión de compartir tempos, espazos e conversas con persoas de especial interese nos ámbitos científico, artístico, literario e audiovisual galegos.

O seu título é unha metáfora e tamén pode ser unha metonimia, unha sinécdoque. Cada sesión comeza metafórica, cada conferenciante é - pois - unha pinga, un exemplo relevante da ciencia ou da cultura do país. Mais ao cabo da conferencia, chégase á metonimia, porque un país ben pode ser (tomando a parte polo todo) un caldo do país, un viño. Neste momento, nesta segunda parte facemos o paralelismo, escollemos un caldo especialmente vencellado ao perfil do noso personaxe e disfrutamos dun percorrido guiado polo seu arrecendo, sabor, etc. da man de Xoan Torres Cannas.

No 2007 contamos coas colaboracións de Betty León (catedrática e investigadora de Física Aplicada da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais), Uxía Blanco (Actriz), Marilar Aleixandre (narradora, poeta, traductora), e Isaac Díaz Pardo (pintor, ceramista, cartelista, escritor e fundador do Grupo Sargadelos).

Este ano, unha vez mais, contamos con conferenciantes dos que gardaremos un recordo moi especial: Ana Gago Martínez (investigadora no Departamento de Quimica da Universidade de Vigo), Javier García Tobío (Director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia CESGA), Uxía Senlle (cantante pontevedresa), José Luis Cuerda (Director de cine) e como a quinta pinga a Xoan T. Cannas.