Pepe Vieira Camiño da Serpe

Menu

“Camiño da Serpe”

10.01.12

Isaac Díaz Pardo... o moito que a hostelería galega che debe!!

Isaac_399x_

Hoxendía o nivel dun restaurante, ven determinado pola presenza deste en determinadas guías gastronómicas, que se estrelas michelín, que se soles campsa, que se puntos Rafael García Santos, etc... froito do interese social que desperta a gastronomía nos nosos días. Pero non hai moito, este nivel, polo menos en Galicia, viña determinado por outros parámetros, o que determinaba e distinguía ós grandes restaurantes, era, fundamentalmente, a presenza nas mesas de vaixelas Sargadelos.

O primeiro en distanciarse utilizando vaixelas diferenciadas, algo que nos nosos días é moi común, foi o francés Michel Guerard, con vaixelas Villeroy & Bosch.

En Galicia, este fenómeno foi a máis. Isaac Díaz Pardo coa súa grande iniciativa empresarial, soubo dar un aspecto e carácter especial, para facer de Sargadelos unha marca de país, algo no que nos vemos reflexados tódolos galegos e que asumimos coma noso, forma parte do repertorio de símbolos que conforman a nosa identidade. Porque, quen non ten nalgunha repisa da súa casa algunha figuriña deseñada por Díaz Pardo? quen non regalou nunca unha peza súa…? Está claro que as súas pezas forman parte xa da nosa paisaxe doméstica.

Pero Sargadelos é moito máis ca iso, é unha empresa de marcado carácter altruista, ou o foi ata hai uns anos, explícome…

Sargadelos nace no 1963 do diálogo intelectual de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, e da iniciativa empresarial deste último. Inspirada nos seus comenzos polo espírito da Bauhaus alemana e a súa dialéctica entre arte e industria. Sargadelos recolle nos seus inicios, o nome, o lugar e as cores da fábrica creada polo Marqués de Sargadelos no século XVIII. Desde aquí estudaron e investigaron teorías estéticas esquecidas que tiveron vixencia durante séculos, para producir cultura galega ao traveso da industria.

Ao longo dos anos, Díaz Pardo foi creando un conglomerado de empresas ao redor da fábrica de cerámicas, así son O Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, que recolle a memoría histórica, artística, xeográfica e científica de Galicia no derradeiro século. Un traballo dunha importancia e un calado inxente.

Durante estes anos, Díaz Pardo, crea tamen o Museo Carlos Maside, e impulsa a creación da Fundación Seone, ademáis de abrir galerías en Barcelona, Madrid, Santiago, Sevilla, Oporto e Milán, establecendo con estas cidades unha ponte de comunicación artística desde Galicia.

Como todos sabemos, Sargadelos funcionaba cunha peculiar forma de mecenazgo cultural dando traballo a 260 persoas, (que non deixaron de cobrar nin de disfrutar da política social de comedor, piscinas, etc. para o persoal nin un so mes durante os case 40 anos de xestión de Díaz Pardo, hoxe moitas delas sen cobrar desde fai meses ou tratando de sobrevivir ao segundo ERE en tres anos). A pesar de que o seu volume en cifras é pequeno, ocupa un gran espacio nas mentes e é percibido socialmente como patrimonio colectivo.

Para impedir que Díaz Pardo agrupase as empresas nunha fundación sen animo de lucro, só co fin de preservar a memoria histórica de Galicia, unha alianza de socios só interesados no poder e en cartos doados e rápidos, desprazárono no 2004 dos seus cargos directivos.

Comenza entonces unha guerra interna para apartar de todo a Isaac, dunha empresa que el creou e dirixiu durante mais de 40 anos, que é a súa vida, porque unha parte importante da realidade é que ainda non tendo a maioría do accionariado, Díaz Pardo é o dono moral da marca. Fai uns anos, librouse unha das máis intensas batallas desta contenda na que a nova dirección pretendía desplazar definitivamente a Isaac do único posto que lle queda no Instituto Galego de Información, máis coñecido coma IGI, edificio racionalista situado as aforas de Compostela que foi sempre o cerebro do Grupo Sargadelos desde onde se dirixía, ademais de ser dende o ano 87 a residencia de Isaac, que vivía austeramente nun cuarto do último andar, e que pretendían desaloxase.

Tras cinco horas de intensa reunión, a actual dirección do grupo, cunha maioría de case un 70% do accionariado, non foi quen de gañarlle a partida ao vello Isaac, que recibiu un sonoro aplauso á saída da reunión por parte dun centenar de persoas que alí estabamos amosando o noso apoio incondicional a Isaac neses momentos difíciles.

Fai dous anos, o pasado mes de xaneiro de 2010, despois de días de mudanzas rematou, ou comenzou, o calvario persoal de Isaac, cando foi oficialmente, aos 89 anos, desaloxado da súa vivenda e dunha parte da súa vida. Coma el mesmo relataba, “o momento máis duro da miña vida”. Non foi xusto, velo paseando polos xulgados defendendo o que era evidente, que diría o Che Guevara.

En verbas de Manolo Rivas, “Isaac é a persoa máis querida de Galicia”, un loitador nato, que sempre mantivo un alto compromiso coa cultura deste país e coa súa causa particular da recuperación da memoria histórica de Galicia, un home que durante moitos anos traballou por facer país.

Gustaríame sumarme ás múltiples homenaxes que terán lugar nestes días, á persoa, ao proxecto e ao traballo de Isaac Díaz Pardo, humilde e sinxelo, sincero e nobre, persoa boa e boa persoa, coma mostra de agradecemento por todo o que significou na hostelería galega deste fin- principio de século.

Gracias Isaac, onde queira que vaias, descansa en paz.

Xoán Cannas