Culler de Pau

Restaurante

“Unha visión de elegancia gastronómica”

NOMINADO COMO RESTURANTE REVELACIÓN - Madrid Fusión 2010 O restaurante Culler de Pau, é, sen dúbida, unha das máis agradábeis sorpresas da tempada gastronómica en Galicia. Javier Olleros, está emprendendo unha elegante nova aventura culinaria que cómpre seguir con atención. Dez mesas nun edificio vangardista e moi minimalista, que combina un luminoso -case cegador- branco, a madeira e o cristal, a través de enormes fiestras que se abren á boca da ría de Arousa, permitindo distinguir os illotes de Noro e Vionta, Ribeira e a orixinal perspectiva da serra do Barbanza que ofrece o Grove. Aquí se serve un menú contemporáneo, sinxelo, cunha cociña e sala sorprendentemente rodadas a só dous meses da inauguración. Tempos, temperaturas, servizo axústase como nun restaurante de anos de experiencia. Algo inusual. Entra o sol por este edificio case translúcido, e os pratos resultan belos, harmoniosos, decorados coas prantiñas dos campos da redonda, cunha montaxe dos pratos dinámica, con preves e escumas que conducen visualmente en liñas ata o ingrediente principal. O resultado é unha cociña de sinxelas raíces galegas pero con influencias de todas as cociñas polas que ten pasado de stage. Para coñecela, nós optamos polo menú degustación. Culler de Pau arrinca sorprendentemente desde moi arriba, cun nivel inusual; o seu traballo está cheo de referencias a unha boa parte da nova cociña que se realiza en Galicia, pero seguro que será interesante ver como atopa o seu propio camiño gastronómico nun contorno tan privilexiado para excelentes produtos mariños coma o Grove. E para os afeccionados á gastronomía énos unha bonita mostra de optimismo: de como se pode facer alta gastronomía en tempos aparentemente duros para aventuras hosteleiras. Unha nova xeración de cociñeiros de alta factura técnica e conciencia das súas raíces está a acceder aos seus propios negocios e favorecendo a diversidade gastronómica do país. Presten atención á xente de Culler de Pau. Darán que falar. A min xa me gañaron como cliente. ( Manuel Gago. Capítulo 0)