Inicio > Novas > Un soño cumprido: presentamos o libro de Nove

Un soño cumprido: presentamos o libro de Nove

Hoxe presentamos na Aula de Cociña do Centro Superior de Hostelería de Galicia en Santiago de Compostela o libro “Nove e a nova cociña galega. Cociñeiros, Paisaxes e Produtos”, un vello soño feito realidade.  

O acto contou coa presenza de Miguel Campos, presidente de Nove, Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, unha das prologuistas da publicación, Marta Fdez. Guadaño (xornalista e autora do portal www.gastroeconomy.com), xa que Manuel Gago (xornalista e director de www.culturagalega.org) non nos puido acompañar por unha leve indisposición de saúde, Rubén López Pereira (coeditor do libro e director da axencia de comunicación Item-Aga) e o fotógrafo Ovidio Aldegunde, ademais da case totalidade dos cociñeiros de Nove.

A obra, a primeira que publica Nove, e para cuxa primeira edición conta coa colaboración de Turismo de Galicia, sae á luz tras a celebración o ano pasado de varios eventos para conmemorar os dez anos da constitución do Grupo e que culminaron en outubro de 2013 cun Showcooking multitudinario na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.   

Segundo explicou hoxe Miguel Campos na presentación: “nesta obra reflectimos que Nove é un Grupo que funciona como tal, porque compartimos amizade, unha filosofía común como cociñeiros: practicamos unha cociña que combina tradición e innovación; unha cociña de produto, contemporánea, creativa, de despensa, sinxela e emocional”.   

O Presidente de Grupo tamén suliñou que: “O libro fai as veces de diario, no sentido de que recolle a visión máis persoal de cada cociñeiro sobre un produto, as receitas que elabora con ese produto–fetiche e unha alusión ao espazo de vida no que se xestou a nosa vocación de cociñeiros e tamén é unha homenaxe aos produtores, estreitos colaboradores e provedores de total confianza, que velan coma nós pola calidade da nosa despensa”.     

CARACTERÍSTICAS PUBLICACIÓN
 
Trátase dunha publicación de 220 páxinas a toda cor con tapas duras e cun formato de 22 x 22 cm, na que a liña argumental xira, por unha banda, arredor de Nove como Grupo dinamizador da cociña de Galicia, e, por outra, arredor da visión persoal de cada cociñeiro sobre un produto, prato ou receita que el elabora con ese produto e unha alusión ao espazo de vida no que se xestou a súa vocación de cociñeiro.   

Os textos do Prólogo e da Introdución son do cociñeiro Martín Berasategui, o xornalista Manuel Gago e a xornalista Marta Fernández Guadaño, expertos en gastronomía e profundos coñecedores da historia do Grupo, mentres que as imaxes son obra do fotógrafo Ovidio Aldegunde, colaborador habitual de Nove.   

Os textos restantes, ademais de dúas receitas por cada cociñeiro, son respostas concisas nas que cada cociñeiro do Grupo conta en primeira persoa, moi brevemente, cal é a paisaxe e o produto da súa vida, todo visto desde un punto de vista moi persoal, salientando a filosofía de cada un deles.   

O libro inclúe un retrato do cociñeiro nesa paisaxe elixida por el, imaxes fotográficas do produto “fetiche” elixido por cada un dos chefs, e outra serie de fotografías do proceso de elaboración, así como do prato elaborado.   

Prevese que saia á venda a través de varias canles pero neste momento os puntos de venda son os restaurantes dos cociñeiros Nove. En breve teremos máis datos doutros espazos nos que se poderá adquirir a publicación e comunicarémosvolos.

Graciñas polo voso seguimento e fidelidade!!