Inicio / Javier Olleros / Restaurante

Javier Olleros

Culler de Pau - O Restaurante

Nominado como Restaurante Revelación - Madrid Fusión 2010, o restaurante Culler de Pau é, sen dúbida, unha das máis agradables sorpresas da tempada gastronómica en Galicia. Javier Olleros está emprendendo unha nova e elegante aventura culinaria que convén seguir con atención. Dez mesas nun edificio vangardista e moi minimalista, que combina un luminoso (case cegador) branco, a madeira e o cristal, a través de enormes ventás que se abren á boca da Ría de Arousa, permitindo distinguir os illotes de Noro e Vionta, Ribeira e a orixinal perspectiva da serra de Barbanza que ofrece O Grove.

Aquí sérvese un menú contemporáneo, sinxelo, cunha cociña e sala sorprendentemente rodadas xa aos dous meses de inaugurarse. Tempos, temperaturas, servizo axústanse como nun restaurante con anos de experiencia. Algo inusual. Entra o sol por este edificio case translúcido, e os pratos resultan fermosos, harmoniosos, decorados con plantiñas dos campos de arredor, cunha montaxe de pratos dinámico, con salsas e escumas que conducen visualmente en liñas ata o ingrediente principal. O resultado é unha cociña de raíces galegas pero con influencias de todas as cociñas polas que ten pasado de stage. Para coñecela, nós optamos polo menú degustación.

Culler de Pau arranca sorprendentemente dende moi enriba, cun nivel inusual; o seu traballo está cheo de referencias a unha boa parte da nova cociña que se realiza en Galicia, pero seguro que será interesante ver como atopa o seu propio camiño gastronómico nun contorno tan privilexiado para excelentes produtos mariños como é O Grove.

E para afeccionados á gastronomía somos unha bonita mostra de optimismo: de como se pode facer alta gastronomía en tempos aparentemente duros para aventuras hostaleiras. Unha nova xeración de cociñeiros de alta factura técnica e conciencia das súas raíces está accedendo aos seus propios negocios e favorecendo a diversidade gastronómica do país.

Preste atención á xente de Culler de Pau. Darán que falar. A min gañáronme como cliente.

Manuel Gago



Culler de Pau Reboredo, 73. CP 36980 O Grove (Pontevedra). T: +34 986 732 275 / reservas@cullerdepau.com